Saturday 27 de April de 2024

O Concello de Lousame cambia os xogos do parque infantil de Vilacova


 

O Concello de Lousame vén de cambiar os xogos do parque infantil de Vilacova, continuando así co seu plan de mellora de parques infantís no municipio. O concelleiro de Obras, Ramón Martínez, explica que “nesta actuación en Vilacova procedemos á instalación de novos xogos infantís, como a casiña de xogos ou os balancíns, así como á reparación doutros xa existentes” e confirma que “a nosa próxima actuación será en San Xusto”.

O parque infantil de Vilacova conta con dous xogos de muelle, un individual con forma de animal e outro dobre, un tobogán, unha casiña de xogos e un columpio de dúas prazas. O parque conta con peche perimetral, bancos para os adultos e un chan de herba natural.

Deste xeito, o Concello de Lousame continúa co seu plan de mellora de parques infantís no municipio, iniciado hai catro anos nos lugares con maior presenza de nenos e nenas como son os parques infantís do CPI Cernadas de Castro e no Punto de Atención á Infancia de Tállara. Tras eles melloráronse os parques infantís das unitarias de Escabia e Béxeres, así como o parque infantil a carón da Casa da Cultura.

Neste verán dotouse de novo equipamento ao parque infantil de Camboño e construíuse outro parque no Sanguiñal, o primeiro no municipio en contar cunha tiroliña. En total, o Concello de Lousame leva máis de 250.000 euros investidos na mellora dos parques infantís do municipio.